Novas

Saúdos a todos os RDPeros:
Esperamos que esta última semana de "descanso forzoso" por culpa do temporal nos servise para recargar as pilas, porque xa temos un novo fin de semana e volve a emoción da liga, cos partidos dos alumnos da nosa Escola. Xa estamos na fase decisiva da tempada, e iso xa se empeza a notar.
Este domingo, todos os partidos da EFS Río do Pozo celebraranse no Pavillón de San Valentín, así que non vai haber problemas para poder presenciar todos os partidos.
Os prebenxamíns xogarán ás 16:30 co Roiba Stockers. Prevese que sexa un partido igualado e no cal os nosos alumnos seguirán mostrando os seus progresos partido a partido. Esperemos que poidan conseguir a vitoria para así irse máis contentos ao acabar de xogar este partido.
Os benxamíns xogarán ás 17:15 co Materiais do Atlántico - Ou Parrulo "B". Sobre o papel, os nosos alumnos parten como favoritos no choque. Intentasen buscar a vitoria para quitar a espinita da derrota no anterior partido e con iso seguir na loita nos postos altos da clasificación.
Os alevíns xogarán ás 18:00 co Cidade de Narón. Os nosos alumnos enfróntanse co lider invicto da categoría. No partido da primeira volta, o resultado foi de 0-18 favorable ao Cidade de Narón. Os nosos alumnos intentarán facer un bo partido e arreporlle ao principal favorito ao título.
Os infantís xogarán ás 18:45 co CMI Unidade de Fene. Promete ser un partido emocionante, xa que a última vez que se enfrontaron estes conxuntos, o resultado foi de 2-3 favorable ao Unidade de Fene. Esperemos que poida chegar unha vitoria, que sería unha gran recompensa polo traballo que estan facendo os nosos alumnos ao longo da tempada.
Dende esta web animámosvos a todos os que poidades que visitedes os pavillóns para ver os partidos!!!
Moita sorte a todos os equipos!!! Vémonos na pista!!

A Dirección da Escola de Fútbol Sala Río do Pozo convoca a todo o seu Corpo Técnico (adestradores, delegados e auxiliares) para unha reunión que se celebrará no seguinte lugar, data e horario:
Lugar:
Sede do club
Local Social de Nelle, Estrada de Cedeira, s/n 15578, Narón
Data:
MÉRCORES, 3 de Marzo de 2010
Hora:
20 horas
Os asuntos a tratar na devandita reunión serán os seguintes:
- Entrega, por parte do adestrador de cada equipo, das sesións de adestramento levadas a cabo durante o mes de Febreiro.
- Entrega, por parte do delegado de cada equipo, dos controis de asistencia dos alumnos durante o mes de Febreiro
- Entrega, por parte do delegado de cada equipo, dunha ficha onde se detallen todos os inconvenientes que existen en cada un dos equipos que conforman a Escola de Fútbol Sala e co fin de poñelos solución conxunta.
Prégase que por motivo de calquera ausencia ou impuntualidade dos convocados se avise con, polo menos, 24 horas de antelación ao Presidente do club e a través de calquera das seguintes formas:
- Teléfono de contacto: 663 323 202
- Correo electrónico: presidencia@cdriodopozo.com
Lugar, data e hora onde se celebrará a próxima reunión do Corpo Técnico da Escola de Fútbol Sala Río do Pozo:
Xoves, 31 de Marzo de 2010, ás 20 horas na Sede do club.
Grazas pola vosa atención.

Transcribimos a comunicación oficial da Xunta de Galicia conforme se suspenderon as competicións de infantís, alevíns, benxamíns, prebenxamíns e biberóns.
A Xunta de Galicia suspende todalas actividades do Deporte Escolar debido as adversas condicións climatolóxicas.
- A Secretaría Xeral para o Deporte tomou a decisión tras coñecer as previsións.
- Máis de 40.000 nenos participan esta tempada nos Xogos Deportivos Escolares (XOGADE)
- O sábado estaba previsto o Campionato Galego de campo a través coa inscripción de 500 escolares.
- A Secretaría Xeral pide as federacións que tomen as máximas precaucións para evitar incidentes.
A Delegación Ferrolana da Federación Galega de Fútbol Sala nos comunicou a suspensión de todolos encontros de este domingo.
Así mesmo, todolos adestramentos do alumnos da EFS Río do Pozo suspenderonse ata o luns 1 de marzo.

Saúdos a todos os RDPeros:
Este fin de semana foi moi entretido entro da EFS Río do Pozo, xa que este fin de semana era raro. Tiñamos partidos o sábado pola mañá, domingo pola mañá e domingo pola tarde.
O sábado pola mañá xogaron os alevíns co Roiba Detegasa no Pavillón de Piñeiros. O resultado do partido foi de 5-0 favorable ao Roiba Detegasa.
O partido foi moi disputado na primeira parte e o gol podía caer en calquera dos dous lados. O Roiba Detegasa levouse o gato á auga e conseguiu o 1-0 antes do descanso. Na segunda parte, uns fallos en defensa fixeron que o Roiba Detegasa se distanciase no marcador ata chegar ao resultado de 5-0.
E menos de 24 horas despois, os alevíns tiñan que afrontar un novo partido de liga, esta vez no Pavillón de San Valentín e ante o Materiales do Atlántico - O Parrulo "A".
O resultado do partido foi de 0-12 favorable ao O Parrulo "A". Este partido reflectiu as diferenzas entre un e outro equipo, pero non faltaron as ganas e a intensidade por parte dos nosos alumnos. Non obstante, os nosos alumnos melloran e cada partido dan un pasito máis cara a diante.
Os mesmos equipos, pero esta vez, en categoría infantil volvíanse enfrontar inmediatamente despois. O resultado do encontro foi de 0-7 favorable ao O Parrulo "A". Sentimos non poder ofrecer máis datos deste partido.
E xa pola tarde, no Pavillón de As Lagoas (Narón) xogaban os alumnos das categorías prebenxamín e benxamín da nosa Escola.
Os prebenxamíns xogaron co Neda "B". O resultado do encontro foi de 3-3. Esperábase unha xornada doada, pero aos 10 minutos do comezo do partido xa encaixárannos 3 goles, parecía que os nosos alumnos estaban un pouco perdidos, pero un golazo de Oscar nos fixo espertar, meternos no partido e a partir de aí empezar a dominalo con claridade. De feito no segundo tempo o Neda "B" non se viu no campo, e un Oscar e un Borja expléndidos, encargáronse de igualar a contenda, que puidemos gañar cun pouco máis de fortuna.
Os benxamíns xogaron co Roiba Ferca. O resultado do encontro foi de 0-2 favorable ao Roiba Ferca. O partido empezou sendo moi disputado, con ocasións en ambas as dúas portarías, sendo os gardametas as figuras clave, ata que chego o 0-1. Pero os nosos alumnos non se caeron e seguiron persionando para lograr a igualada. A segunda parte foi un calco da primeira cos nosos alumnos persionando para lograr o gol, pero unha xogada ao contragolpe fixo que o Roiba Ferca puxese o 0-2. Parabéns ao Roiba Ferca, xa que ten media liga no peto e moito ánimo os nosos alumnos, xa que están a facer unha tempada sobresaínte.
O próximo domingo gozaremos dunha nova xornada de liga. Esperámosvos!!!!

No día de hoxe, en cdriodopozo.com, temos o pracer de publicar unha nova entrevista.
Nesta ocasión, responde ás nosas preguntas Jose Luis Sequeiro, socio-fundador do CD Río do Pozo.
Dende aquí agradecemos a Jose a súa participación e o seu colaboracíon nesta interesante entrevista.
(Entrevista realizada por Adán Puentes para cdriodopozo.com)
1º ¿Cal é a túa traxectoria deportiva?
Ante todo agradecervos que vos acordedes daquelas persoas que co seu traballo fixeron posible como o facedes vós agora este club. Sobre todo pola dificultade que supuxo os primeiros anos levar a cabo este proxecto, ao ser un grupo moi reducido de xente que tiñamos que atender a numerosas tarefas que o club che esixe.
En canto á túa pregunta, ata que entrei neste proxecto non tivera excesiva traxectoria salvo xogar en equipos da comarca, de futbol campo sobre todo. Despois de estar dous anos no club, como secretario na xunta directiva e na parte técnica como delegado e adestrador prebenjamin a miña traxectoria continuou como adestrador no Racing San Pedro en categorías pre benxamín, Benxamín e Alevín.
2º ¿Como chegaches a Clube Deportivo Río do Pozo e cal foi o motivo que te fixo unirte ao grupo de socios-fundadores"?
A vedade é que cheguei ao club un pouco por casualidade, a través de Víctor. Eu estaba tamén moi interesado en crear a sección de futbol sala nun club que tan só tiña xadrez, pero a cousa non saíu adiante e falando con Víctor e escoitando o bosquexo que tenia do club, me animei a traballar man a man con el para sacar o proxecto adiante. A verdade é que o mes e medio que nos pasamos, intentando sobre todo encontrar xente que confiase neste proxecto, foi algo esgotador pero que posteriormente se vería recompensado co primeiro partido que xogaron os prebenxamíns daquel ano. Creo que a sensación de ver os nenos nese primeiro partido fronte O Parrulo foi algo que aos que fundamos o club non se nos esquecerá; foi como un "por fin se ve algo do que imaxinamos tantas e tantas veces durante ese tempo"
3º ¿Como un dos socios fundadores a pregunta é obrigada Como e por que naceu Clube Deportivo Río do Pozo?
Ben, creo que o por que naceu o CD Rio do Pozo é algo que se se le o bosquexo inicial queda moi claro. A idea era crear un espazo para o deporte no que primasen moitas cousas antes que os resultados e os números. A idea era educar xogando e dar a todos os nenos a igualdade de oportunidades, que se marcaría como o piar básico do club. A xente que fundamos o club cansos de ver como había nenos aos que se lles negaba xogar a isto simplemente por non ser habilidosos animabámonos máis e máis a que este proxecto saíse adiante. Por outro lado a filosofía que este club defendía, caracterizada de utópica por moitos, era algo que na miña opinión se necesitaba no futbol sala da bisbarra para dar oportunidade a moitos nenos e nenas da zona de descubrir sobre todo que isto é un xogo e hai que entendelo como tal e que polo tanto todo aquel que queira xogalo con independencia da súa habilidade para manexar un balón tería sitio no noso club.
4º ¿Como foi a experiencia do teu paso polo club e por que decidiches marchar?
A miña experiencia foi intensa, é como cha podería definir. Moito traballo, moitas horas e sobre todo moita ilusión fixeron falta para poder sacar isto adiante. En canto aos motivos da miña marcha foron diversos, a xente que estaba comigo nese momento sábeo e con iso chégame.
5º ¿Que te achegou Clube Deportivo Río do Pozo e que deixaches de legado no club?
Pois CD Rio do pozo me achegou sobre todo coñecer unha xente incrible, sobre todo os grupos de nenos e pais cos que tiven a oportunidade de traballar na miña estanza no club.
Sobre o meu legado no club non che podo contestar eu a esa pregunta o que se intentei reflectir sempre, dende logo, foi ilusión e ganas polo proxecto.
6º ¿Que diferenzas notas daquel proxecto "Clube Deportivo Rio do Pozo: Nacemos para ser diferentes" ao que hoxe vemos? ¿Que futuro lle auguras ao club nos próximos anos?
A verdade é que para poder opinar das diferenzas sería necesario coñecer o club tal e como está agora, eu só coñézoo hora mesmo como seguidor través da web, pero a miña experiencia no club me di que para poder opinar sobre o tema de forma precisa fai falta moita máis información que agora non teño; pero polo que parece dende fóra está moito máis organizado, porque os primeiros dous anos era unha loucura.
7º Falando de ti situación actual: ¿Onde adestras actualmente? ¿Cales son os teus obxectivos a conseguir contigo/s equipo/s?
Agora mesmo estou no Racing San Pedro de futbol 7 cun grupo de pre benxamíns e outro de benxamíns; e a verdade é que o meu obxectivo é intentar ensinar aos grupos de nenos que teño o que eu puiden aprender nun pasado e transmitir parte do que a min me transmitiron outras persoas. E sobre todo seguir traballando con ilusión cos nenos, en busca de que se empece a ver o deporte como algo para todos e non só para aqueles que teñan mellores aptitudes para iso.
8º ¿Cal é ti opinión do fútbol/fútbol sala actual na bisbarra de Ferrolterra?
Creo que o futbol sala da comarca está vivindo un renacemento en categorías prebenxamín, benxamín... pero se é verdade que chegados unha idade os nenos abandonan este deporte e iso creo que é o obxectivo a perseguir nos próximos anos. Non se pode resignar a seguir mantendo divisións de infantís con catro e cinco equipos. Non sei que se poderá facer pero quizais é algo que deba ser estudado. Traballar niso para que os numerosos nenos que agora están en Pres ou Benxamíns sigan xogando a estas idades creo que pode ser o reto ao que deben facer fronte os clubs e a federación.
9º Agora imos a entrar no territorio persoal, xa que non todo é Río do Pozo:
- Unha cor: O amarelo.
- Un equipo: A día de hoxe creo que é obrigado case o Racing San Pedro.
- Unha afección: O fútbol, sen lugar a dúbida.
- Unha cadea de televisión: a verdade é que non che podería dicir ningunha, pero se é verdade que ultimamente vexo máis antena 3.
- Unha emisora de raio: Aquí si que non dubido, a Ser.
- Unha película: Pois depende un pouco do estado de ánimo e o que nese momento me apeteza, The Believer, Forrest Gump... das últimas Invictus...
- Un lugar para irse de vacacións: Non estiven nunca pero Australia e máis concretamente Sídney ten que ser alucinante.
- Unha comida: Aquí Víctor pode dicir moitas cousas así que non lle preguntedes, non agora en serio; quizais o arroz á cubana.
- Un lugar para escapar: A min un lugar que me encanta para relaxarme é Valdoviño, ir pasear e ver o mar baterse e sobre todo o son reláxame moito. Así que cando teño que escaparme para relaxarme me vou á praia a Valdoviño. Aínda Que xa hai tempo que non vou, adoitaba ir moito antes.
10º ¿Queres engadir algo mais para así finalizar a entrevista?
Bo nada máis. Desexarvos simplemente moita sorte e que sigades traballando por e para os nenos que por experiencia se que moitas veces quita o sono. Dar as grazas a Adán, neste caso, por acordarse dos que xa non estamos. Un saúdo moi grande para todos e moitos ánimos.















