28.07.2010 Peche de tempada 2009/10

Chegado o fin da tempada é o momento de facer balance, de analizar os erros e aprender deles, de recordar os éxitos e pensar como repetilos, en definitiva: sacar conclusións para mellorar a tempada que vén.
Foi unha tempada de consolidación dun proxecto, nunca antes tiveramos tantas frontes abertas. Máis alumnos que nunca e un récord de equipos competindo. Todos dirixidos cunha idea común, cada cual co seu rumbo propio pero sempre cun mesmo destino.
Estreamos Web, mantivemos e ampliamos patrocinadores, incrementamos o noso número de socios, melloramos a xestión interna do club e o funcionamento da escola. Estas tarefas requiriron o esforzo de moita xente, xente á que dende aquí hai que agradecer o apoio dispensado durante toda a tempada.
Pero non todo foron aspectos positivos, cometemos erros que nos fixeron decatarnos de que nos queda moito por traballar e que todo o que fagamos é pouco. Disto tómase boa conta e esforzarémonos en que non volva acontecer. Arriscamos moito, pero ao final chegamos a bo porto.
Non podo despedir esta tempada sen agradecer por parte do club, o traballo desenvolvido durante este tempo por Adán. Tivemos un incansable comunicador Web, un colaborador constante, sempre atento e disposto a cubrir aquelas necesidades do club que fose mester. É por iso que os Poceiros lle damos as grazas e o desexamos toda a sorte do mundo en todos os proxectos que emprenda dende agora. Proxectos nos que brindaremos todo o noso apoio.
Así como tamén, despedímonos e agradecemos o traballo realizado polos monitores e alumnos que deciden deixar a nosa escola.
Acabar dicindo, que xa temos elaborado o proxecto para o novo ano, proxecto ao que invito a unirse a aquel que queira, onde a recompensa está no traballo mesmo e no que cada semana viviranse experiencias novas e gratificantes. Onde pretendemos seguir crecendo con pasos pequenos pero firmes e en que seguiremos crendo no noso xeito de facer as cousas.
Vémonos en Setembro...
Carlos Ibán Díaz Doce | Presidente CD Río do Pozo
















