Entrevista a: Marcelino Amado

28/05/2010

Foto vencellada

No día de hoxe, en cdriodopozo.com ofrecémosvos unha nova entrega da sección de entrevistas.

Nesta ocasión, temos o pracer de entrevistar a Marcelino Amado, delegado do equipo benxamín da EFS Río do Pozo e vocal da Xunta Directiva do club.

Dende aquí agradecemos a Marcelino a súa participación e a súa colaboración nesta interesante entrevista.

(Entrevista realizada por Adán Puentes para cdriodopozo.com)

1º ¿Por que decidiches asumir as funcións de delegado do equipo benxamín?

Porque coincido con moitas das cousas que se pretenden facer, e no seu momento mo pediron, entendendo que non supoñía moito esforzo e dado que como pai estás atado a adestramentos e partidos non resulta difícil, tendo sempre a idea de botar unha man e facer as cousas máis doadas a todos.

2º ¿Como estás a ver o equipo benxamín durante esta tempada?

Formouse un grupo moi importante reincorporándose nenos que xa estiveran na Escola, pero que por distintos motivos a abandonaran e xunto aos que se mantiveron nela, deu lugar a un equipo de nove nenos que é un número ideal para traballar co, baixo o meu punto de vista. Os comezos para min foron moi ilusionantes de cara a ter como meta a mellora e non ningún resultado clasificatorio xa que sabía que era moi complicado, e aquí precisamente non foi ningunha decepción, todo o contrario. De cara á progresión no xogo e como equipo, a pesar do empeño do adestrador, e da mellora (que a hai) sinto que temos marxe, que nos quedou un pouquiño, ademais ser máis fieis os principios do club, pero son cousas que aínda nos queda mes e medio para traballar e poñer en marcha, xa que para min a tempada como Escola non debe rematar coa competición oficial.

3º ¿Como é o día a día nos adestramentos cun grupo de nenos de idade benxamín?

O día a día é moi doado, son un grupo moi bo, lévanse moi ben entre eles que ademais eu xa coñecía e pórtanse moi ben, son nenos, coas súas cousas pero moi ben en xeral. Eu xa manifestei que como grupo son un exemplo para os pais e poden estar contentos con eles, é o que penso sinceramente. Tes que saber estar por enriba de moitas cousas, porque obviamente todo non me gusta e ás veces non se consegue.

4º ¿Que diferenzas notas no equipo benxamín dende que empezaches con eles?

Notas como van aprendendo e crecendo en todos os aspectos, é un proceso natural. Xa sempre foi un grupo moi espabilado e por moi pouco que se lle faga vai, se ve que hai materia prima no deportivo pero tamén no humano.

5º ¿Que equipo puxo as cousas máis difíciles nesta tempada?

Obviamente o Roiba, que non ten tantas individualidades pero funcionaron mellor como equipo sobre todo de cara ao resultado, tamén me gustou a capacidade que tiveron ante nós os do Amistade Meirás.

6º ¿Cal é a túa valoración do nivel da liga benxamín nesta tempada?

Fáltanme referentes para poder dar unha idea do nivel desta zona, pero diría que houbo dous niveis, os catro ou cinco de arriba cun nivel deportivo moi decente e o resto da categoría un pouco por baixo. Supoño que as idades contan moito, pero tamén teño a impresión de que en xeral se enfoca mal o deporte, que hai moi pouca preparación nos técnicos e nos directivos (salvo excepcións), así como nos obxectivos de aprendizaxe cos rapaces.

Cada vez que vou a algunha charla sobre o tema saio con esa sensación de que a xente está con moita vontade pero con pouca preparación. Se toma como referencia o deporte de elite e fan de correa de transmisión deses valores que non son os axeitados para os nenos, e que a dicir dos expertos non contribúen á aprendizaxe dos máis novos, que ningún ou case que ningún vai chegar a ese nivel. Empézase o traballo polo tellado e non se fan uns bos alicerces.

7º Dende hai uns meses, formas parte da Xunta Directiva do club ¿que función tes nela?

A Xunta Directiva é un pouco provisional e non era o meu obxectivo pero era necesario, xa que o presidente estaba a facer un traballo descomunal practicamente só. A función é a de vogal que en case todas as sociedades están para contribuír un pouco ao que se presente. Pero basicamente dar opinión, xa que non temos encomendado un traballo concreto, como pode ser o presidente, un secretario, ou o responsable das contas que fan un traballo máis definido. De todas as maneiras é moi pouco o tempo, e coa tempada practicamente rematada non hai moito espazo para achegar senón é de cara ao ano que vén.

8º Unha das túas funcións como delegado é o trato cos pais e nais ¿Como levan os pais a evolución dos seus fillos durante a tempada?

Na miña opinión en xeral ben. Pero supoño que farán como min, como pai, e supoño que bastante subxectivos e apaixonados, o cal ás veces non nos permite xulgar co distanciamento suficiente para acertar.

9º Agora imos a entrar no territorio persoal, xa que non todo é Río do Pozo:

- Unha cor: Verde
- Un equipo: O do meu fillo
- Unha afección: Agora mesmo saír en bici con Marcos
- Unha emisora: Escoito pero véxoas moi manipuladas
- Unha cadea de TV: Non a vexo moito, non teño ningunha en especial e pásame como coa radio. Cada vez uso máis internet para informarme.
- Un lugar para irse de vacacións: Calquera que non coñeza e estea tranquilo.
- Unha comida: Por épocas, agora mesmo unha boa ensalada de atún.
- Unha película: Non son moi afeccionado pero " O demo sobre rodas" de Spielberg, no seu momento, impresionoume moito polo que transmite de angustia e suspense.

10º ¿Queres engadir algo mais para así finalizar a entrevista?

Para rematar, en principio coas discrepancias lóxicas que van xurdir creo que debemos marcar uns obxectivos claros, xa que agora hai un club que temos que consolidar, despois do esforzo que fixo Cali ata aquí. Pero insisto en que debemos marcar claramente o que pretende o club e que a xente teña claro o que se quere conseguir, para o que queira estar, estea; e o que non, non. Hai novos pais que permiten ampliar o número de delegados e de xente na xunta directiva que me parecen moi implicados e traballadores. O club neste sentido mellorou con respecto aos anos anteriores. Así se pode funcionar moito mellor e con total coherencia en función da filosofía e dos obxectivos que se marquen, si se quere. Felicitar os alumnos e que sigan así, tanto no deportivo como compañeiros, que é quédao.