05.07.2010 Entrevista a: Jorge Martinez

No día de hoxe, en cdriodopozo.com ofrecémosvos unha nova entrega da sección de entrevistas.
Nesta ocasión, temos o pracer de entrevistar a Jorge Martinez, adestrador do equipo biberón da EFS Río do Pozo na tempada 2007-2008 e actual adestrador do equipo alevín do Numancia de Ares.
Dende aquí agradecemos a Jorge a súa participación e a súa colaboración nesta interesante entrevista.
(Entrevista realizada por Adán Puentes para cdriodopozo.com)
1º ¿Cal é a túa traxectoria deportiva?
Empecei no club do meu pobo, da miña vida e do meu corazón, o Numancia de Ares. Xogeui dende os 5 anos ata os 14, é dicir dende prebenxamíns ata cadetes a nivel federado, ademais de facer os meus primeiros pinitos como axudante de adestrador no equipo alevín cando eu xa era cadete. Aos 15 anos, tomei unha decisión importante na miña vida, ao "colgar as botas" para probar unha experiencia que levaba tempo atraéndome, ser árbitro de fútbol. Estiven 5 tempadas como árbitro de fútbol da Delegación de Ferrol, dende os 15 aos 21 anos, tempadas 2005-2006 ata a 2008-2009. Entremedias, deume tempo 2007-2008 a adestrar ao equipo biberón do CD Rio Do Pozo. Actualmente, cumprín a miña primeira tempada como árbitro de fútbol sala ademais de adestrar o equipo cría do Numancia de Ares. Como vedes, volvín á miña casa onde colaboro en todo o que sexa necesario, ademais de adestrar ao equipo cría do club.
2º ¿Como chegaches a Clube Deportivo Río do Pozo? ¿Por que aceptaches adestrar o equipo biberón?
Pois curiosamente por internet, coñecín un enfermo do fútbol como eu, Víctor Garrote. Foime "comendo a cabeza" co seu proxecto, co seu RDP e acabei caendo nas redes. O de probar co equipo biberón, foi mais ben porque non podía compaxinar os meus horarios de árbitro de fútbol cos partidos de prebenxamíns ou benxamíns en competicion federada, en cambio o equipo biberón me daba mais liberdade nese aspecto e era unha experiencia que me atraía.
3º ¿Como foi a experiencia do teu paso polo club e por que decidiches marchar?
A experiencia en RDP foi extraordinaria. Coñecín 2 persoas incribles como Víctor Garrote e Jose Luis Sequeiro, actual adestrador do Racing San Pedro prebenxamín. Coñecín un club novo, algo diferente. Aprendín moito, dende afrontar o deporte a través do xogo, ata tomar as cousas con máis calma, sen vivir tanto os partidos pero sen baixar o nivel de dedicación polos nenos. Foi unha tempada onde ademais de adestrar un bo grupo de nenos en biberóns, tiven a sorte de colaborar co equipo prebenxamín, vivindo momentos moi bonitos nos adestramentos e partidos. De RDP só gardo recordos positivos, un club ao que sempre estarei enormemente agradecido, porque foi a miña primeira experienca aos mandos dun grupo, e un lugar xenial para traballar.
A miña marcha foi debido a motivos persoais que me impedían dedicarlle a RDP todo o tempo que merecía e a un cambio de ciclo no club, onde se deu paso a xente que entraba con moita ilusión.
4º ¿Que te achegou Clube Deportivo Río do Pozo e que deixaches de legado no club?
Como dixen anteriormente, RDP achegoume experiencia, saber estar, moitos coñecementos lúdicos. No ámbito persoal un grupo de amigos que sempre estarán aí e un grupo de nenos ao que seguirei con lupa o resto da miña vida, desexando que sexan grandes deportistas pero abrigo grandes persoas.
5º ¿Que diferenzas notas daquel proxecto "Clube Deportivo Rio do Pozo: Nacemos para ser diferentes" ao que hoxe vemos? Que futuro lle auguras ao club nos próximos anos?
Creo que a filosofía segue sendo a mesma. Moita participación dos nenos e diversión por riba de todo. A diferenza é que naquela época eramos menos que agora. Eu agora vexo unha base moi sólida en RDP. Unha directiva forte, un grupo humano detras dos nenos que non falla, e sobretodo máis nenos, co que iso implica para o crecemento de calquer club deportivo. Ademais, a nova páxina web dá moito dinamismo ao club, os anos pasan e RDP xa se fixo un nome no fútbol sala galego como un club que naceu para ser diferente, ¡ ¡ e vaia se o é¡¡¡
De cara aos próximos anos, RDP creo que ten postos os miras moi altos. Se finalmente sae adiante o equipo cadete, serían dous pasos á fronte. Habería unha xeración en cadetes para progresar ata o tempo crese conveniente, xuvenís, sénior, etc. Ademais esa mesma xeración sería un espello e un reclamo para os mais peques que veñen por debaixo. Creo que sería moi importante que RDP tivese un equipo a nivel autonómico. ¡ ¡ Moita sorte con ello¡¡¡
6º Actualmente estás a adestrar os alevíns do Numancia de Ares de fútbol campo ¿Que tal foi esta tempada? ¿Cales son os obxectivos a conseguir con ese equipo?
Imos ver. Antes de valorar os alevíns, creo que é importante que sepades que o Numancia de Ares ten 6 equipos federados, dende prebenxamíns a modestos e un equipo de biberóns en etapa de iniciación. O Numancia ten unha directiva forte, unha masa social que inclúe a maior parte do pobo de Ares e gran cantidade de nenos en todas as súas categorías. Se a iso engadimos, que dende fai uns aniños temos un campo de herba artificial para traballar día a día é un luxo. Un sitio perfecto para formar nenos, polo tanto o obxectivo do club é formar os máximos nenos posibles, dándolle moitos minutos ao longo da tempada para que gocen, progresen e demostren as súas calidades.
En canto ao equipo alevín, tivemos a sorte de contar con 16 xogadores durante a tempada para fútbol 7. Iso para calquera adestrador é un luxo. Fixemos un bo traballo de formación, acabando a tempada eses 16 xogadores con ampla asistencia a entrenaminetos. A nivel competitivo, tivemos o premio de ser subcampions do noso grupo de Liga e ser semifinalistas en Copa, aínda que este aspecto nestas idades é o menos importante.
7º Ata os inicios desta tempada recén finalizada, compaxinaches o labor de adestrar coa de árbitro de fútbol ¿Como se vive a arbitraxe dende dentro? ¿Como se toma un arbitro toda a presión e responsabilidade que hai nun partido?
A ver, ser árbitro é moi complicado. Tanto en fútbol sala, como en fútbol 11, o árbitro é observado con lupa, un dianteiro pode fallar 4 goles, o árbitro non pode equivocarse nun penalty. Un penalty que para un adestrador é, para o outro non, para Pepito o do Kiosko é dubidoso e para o papá de Fulanito non é nin de broma. Como vedes é complicado tomar decisións que gusten a todos. É díficil, pero é un labor bonito. O debate é san, o problema é cando se chega ao insulto e á descualificación cara aos árbitros. O problema é aínda mais grave cando eses insultos e descualificacións se fan diante dos nenos, que ás veces son, ¡ ¡ os propios fillos¡¡¡ Y é mais grave aínda cando eses insultos e descalificacións van dirixidas cara a un árbitro de 15 anos que está a empezar e que ¡ ¡ podía ser o TEU fillo¡¡¡ Creo que todos temos que ser bastantes consecuentes e educados, máxime cando hai nenos por medio. Cando digo todos, inclúo os árbitros, que son os primeiros que deben de dar exemplo de comportamento nun campo de fútbol e nunha pista de xogo, aínda que vos aseguro que moitas veces é díficil aguantar a cantidade de parvadas que se escoitan en campos de fútbol e pavillóns. Aínda así, a arbitraxe é moi bonita e gratificante. Coñeces sitios novos, xente nova, ten remuneración económica, ves moito fútbol ou fútbol salga ¡ ¡ é bonito e se os respectamos, más¡¡¡
8º ¿Cal é ti opinión do fútbol/fútbol sala actual na bisbarra de Ferrolterra?
Ben aquí creo que hai que ir por partes. Por un lado, esta o nivel autonómico con Cedeira en masculino e A Fervenza en feminino. Aí creo que o nivel é moi bo.
Despois están as Ligas Locais, que son iso, ligas locais. Aquí creo que hai bos xogadores e é unha liga interesante. O grave problema é que moitas veces é ensuciada por un grupo de equipos que non se dedican a xogar, a competir e a divertirse senón que se dedican a protestar aos árbitros, facer entradas fóra de ton e armar balbordo á mínima ocasión que se presente. Se non fose por iso, a Liga Local de Ferrol seria dun nivel medio - alto.
En canto á base, a nivel autonómico dá gusto ver o traballo que están equipos como O Parrulo e Cidade de Narón. É unha gozada ver eses partidos a nivel galego.
En canto á base local, creo que goza dunha boa saúde, con moitos clubs apostando forte polos nenos e traballando para eles. Cada club coas súas ideas e os seus recursos humanos, pero á fin ao cabo entidades serias que se preocupan dos nenos e do seu futuro deportivo.
9º ¿Que cousas crees que se están a facer ben no deporte base e cuales habería que mellorar?
Ben, creo que se están a construír moitas instalacións axeitadas para a práctica do deporte (campos de herba artificial, pavillóns, ect), estanse a incorporar as novas tecnoloxías ao deporte, un aliciente para os deportistas (fotos, entrevistas, etc). Como dixen antes, hai boa base e mentres haxa persoas dispostas a traballar para os nenos, isto seguirá adiante.
Boto de menos que o Organismo Competente non rebaixe considerablente o prezo dos Cursos de Adestrador. Penso que se non fose polo tema económico, habería moitas mais persoas mellor preparadas en Galicia. E xa postos a pedir, sería bo tamén que todos reflexionásemos sobre as nosas maneiras de planificar un partido e de comportarnos neste isto é un deporte, unha competición ou un desafogo da semana laboral? Creo que todos nos teriamos que formular esa pregunta, reflexionar e veriamos como o deporte base en xeral melloraría moito, xa que sairían gañando os verdadeiros protagonistas de todo isto, ¡ ¡ OS NIÑOS¡¡¡
10º Agora imos a entrar no territorio persoal, xa que non todo é Río do Pozo
- Unha cor: Verde esperanza ou vermello paixón.
- Un equipo: SDR Numancia de Ares
- Unha afección: A numantina.
- Unha cadea de televisión: Televisión de Galicia.
- Unha emisora de raio: A SER e a Radio Galega.
- Unha película: "Pídelle Contas ao Rei"
- Un lugar para irse de vacacións: Santillana del Mar en Santander.
- Unha comida:Tortilla de pataca ou macarrons.
- Un lugar para saír de festa: Non importa o lugar se a compañía é boa.
11º Queres engadir algo máis para así finalizar a entrevista?
Pois nada, agradecer dende aquí a Víctor Garrote a posibilidade de darme a coñecer RDP e o fútbol sala en xeral, ben, e como o di, grazas a el tamén coñezo Narón. Felicitarvos a todos polo gran traballo, a tí pola excelente difusión do deporte base a través da web e ¡ ¡ a seguir traballando¡¡¡ que ¡ ¡ ¡ OS NENOS MERÉCENLLELO TODO¡¡¡
















